sábado, 7 de febrero de 2009

Bart Davenport

Bart Davenport

18 febreiro 20:00 h, Sala NASA, Santiago de Compostela.
19 febreiro 20:00 h, Casa de Arriba, Vigo.

Temos de visita por Galicia a un dos mellores compositores e intérpretes de música pop na actualidade: Bart Davenport.

O seu é un mosaico no que concorre case toda a serie de estilos musicais que floreceron durante as décadas dos sesenta e os setenta, refundidos con personalidade e actitude contemporánea: dende o sweet soul ao folk pasando polo rock psicodélico ou o pop máis intimista.

Lennon e McCartney, The Incredible String Band, Marcos Valle, The Hollies, o exquisito Homegrown de
Don Agrati, The Originals, Burt Bacharach, John Sebastian e mesmo os Stones resoan no repertorio deste músico californiano.

Acaba de editar Palaces, cuarto disco en solitario que continúa a liña dos seus anteriores traballos: xuntar doce cancións con categoría de single, algo prácticamente insólito hoxe en día.

Valéndose tanto dunha sensibilidade allea a estridencias, que atopa acomodo nas boas melodías, como da súa gran capacidade como intérprete, Barto recolleu o testigo dos grandes, convertíndose no indiscutible adaíl do POP. Temos a sorte de poder velo en directo, eu non o perdería.

Máis concertos en Madrid, Barcelona, Zaragoza e Valencia. Infórmate clicando aquí.

No hay comentarios :