Mostrando entradas con la etiqueta cine. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta cine. Mostrar todas las entradas

miércoles, 1 de abril de 2009

2 Tone / Clangor

O que máis me gustaba de Clangor eran aqueles motivos inspirados na estética de 2 Tone que decoraban o local. A austeridade do branco e negro dáballe á sala unha apariencia limpa, moderna, lonxe da que tiñan a maior parte das discotecas de mediados dos oitenta. As formas brandas debuxadas con trazo sinxelo dos murais, as bandas taqueadas e demáis imaxes bicolor espalladas polo local nada tiñan que ver coas flores de plástico, a formica e as luces de neón que decoraban aqueles templos ao mal gusto chegados da década anterior.

2 Tone foi un selo fundado en Coventry, Inglaterra, por Jerry Dammers. A finais dos setenta comenzou a editar discos de grupos como The Specials, The Selecter, Madness, The Beat, ademais de memorables debuts como o dos Dexy's Midnight Runners, cuia segunda referencia para a marca foi o mítico single Geno. Foron seis anos - de 1979 a 1985 - de intensa actividade como reflexo dunha subcultura, homónima, que deixou unha manchea de boas cancións, algún himno e unha atractiva estética.

O propio debuxo do anagrama de Clangor fusilaba a imaxe de Walt Jabsco, ese hard mod que xira nas galletas dos discos de 2 Tone. Vestido en riguroso bicolor: traxe negro axustado, camisa branca, garavata e pucho pork pie tamén negros; nos pés loafers acibeche, en contraste coa franxa branca dos calcetíns, que quedaban á vista polo corte das perneiras, á altura do nocello. As dúas colores eran unha alusión á unidade das razas branca e negra, expresión do carácter resistente herdado dos skinheads orixinais contra o auxe do racismo na Inglaterra da época.

Foi a figura de Peter Tosh na foto da portada do disco The Wailing Wailers a que serviu a Jerry Dammers e Horace Panter como inspiración para a imaxe de Walt Jabsco
. "Defiant & jamaican & hard", mesturaba a distinción propia dos mods coa pose arrogante do rude boy. Poucas veces a asociación dun sonido cunha imaxe funcionou tan ben coma no caso de 2 Tone.

Á marxe dos préstamos decorativos, pouco souben durante aqueles anos composteláns de 2 Tone. Non abundaban na noite santiaguesa locais nos que pincharan este tipo de música....Por non dicir que non existían. As únicas alusións a ese son eran as que se filtraban a través da música de The Clash ou Kortatu nos ambentes máis punkies, pero tanto os ritmos xamaicáns como o soul nas súas manifestacións orixinais eran "rarísima" avis daquela. Seguramente houbo excepcións, pero eu non as coñecín.

De Clangor gardo recordos dalgúns concertos, especialmente dun de Jonathan Richman. Xa non se trataba da época heroica da sala, mediados os oitenta, cando grupos como Nacha Pop tocaban gratis varios días consecutivos. Eu só coñecín
seus últimos anos, pouco antes do atentado que provocou o seu peche.

Ao redor destas circunstancias xira a película "Clangor, o filme", un proxecto de Ledesma Produccións. Neste blog pódese atopar máis información.

domingo, 25 de mayo de 2008

Ayler, Henritzi, Fukuoka & Karino no CGAI


Walking in the Shadow - Improvisacións.
Kumiko Karino - Fotografías.
Kasper Collin: My name is Albert Ayler – Documental.


23 de maio, CGAI, A Coruña.


Fans de Albert Ayler, non temades, nin se trata dunha desas prácticas mercantís necrófilas nas que un artista é convocado a participar sin, claro, o seu consentimento, nin dunha jam-session de ouija levada a cabo por ocultistas afeccionados á música improvisada...Aínda que dada a multidisciplinariedade das manifestacións artísticas contemporáneas quén sabe,..., todo podería ser...


Ben, do que se tratou foi dunha cita coa imaxe e a improvisación no CGAI o pasado venres 23 de maio. A cousa dividiuse en dúas partes.


A primeira consistiu na proxección dunha serie de fermosas fotografías en branco en negro do artista xapones Kumiko Karino acompañadas pola música de Michel Henritzi e Rinji Fukuoka - guitarra e violín, respectivamente -, aka Walking in the Shadow. Logo dunha pausa, poidemos ver a longametraxe documental "My name is Albert Ayler", do sueco Kasper Collin.


Non é habitual ter a posibilidade de escoitar a músicos coma estes na Coruña. A cita anual co ciclo de jazz da Fundación Barrié xa trouxo a esta cidade, en dúas ocasións, ó músico neoiorquino John Zorn, exemplo dunha aproximación á música improvisada que introduce o xogo como medio de modificar a estructura das composicións en tempo real, cun resultado que as afasta do jazz máis ortodoxo.


Propostas como a de Zorn ou a de Henritzi e Fukuoka móvense dentro dese ámbito da improvisación que hibrida diferentes tradicións e que descurre cara adiante ó longo de novas directrices. Por isto, e a pesares de ser incluidas habitualmente nos certames de jazz, corrente afín no seu plantexamento de base, diferéncianse déste nos seus rendementos.


No caso de John Zorn os referentes parten do traballo da AACM [Association for the Advancement of Creative Musicians] e da BAG [Black Artists Group] - que misturaron a liña trazada polos Cage, Partch ou Kagel coa do jazz - incorporando músicas como o metal, as bandas sonoras para cine e animación ou o sampling extremo dos plunderphonics de John Oswald. En canto ó dúo franco-xapones, as súas traxectorias individuais móvense nun variado conxunto de espazos musicais que van dende o rock psicodélico ás derivas sonoras de Derek Bailey.


A música de Walking in the Shadow, ós que escoitaba por primeira vez, suxeriume un encontro entre a viola de John Cale en "Venus in furs" e un Ry Cooder electrificado revisitando a música de "Paris-Texas". A limpeza dos glissandos de Henritzi na guitarra eléctrica e a aspereza do violín de Fukuoka foron os dous focos entre os que se moveu o seu son, variando en matices dende a espacialidade suxerida pola reverberación das notas sostidas polo guitarrista ò abrasivo magma de ruido perpetrado polo violinista.


Tras un breve receso pasouse o documental do sueco Kasper Collin sobre o músico de Cleveland [EE UU] Albert Ayler, un dos principais expoñentes da escena do free-jazz norteamericano dos anos sesenta.

A película, montada a partir de material fílmico e fotográfico orixinal da época e con aportacións de familiares e coñecidos entrevistados na actualidade, discorreu adherida á traxectoria vital de Ayler, con escasas referencias directas ó contexto político e social no que se desenvolveu. Neste sentido, o título é ilustrativo e denota o decurso da narración: a loita dun home polo seu espazo no ámbito artístico é, solidariamente, no vital, coa bagaxe dunha innegociable singularidade.

Rafael Azcona