
2 Tone foi un selo fundado en Coventry, Inglaterra, por Jerry Dammers. A finais dos setenta comenzou a editar discos de grupos como The Specials, The Selecter, Madness, The Beat, ademais de memorables debuts como o dos Dexy's Midnight Runners, cuia segunda referencia para a marca foi o mítico single Geno. Foron seis anos - de 1979 a 1985 - de intensa actividade como reflexo dunha subcultura, homónima, que deixou unha manchea de boas cancións, algún himno e unha atractiva estética.

Foi a figura de Peter Tosh na foto da portada do disco The Wailing Wailers a que serviu a Jerry Dammers e Horace Panter como inspiración para a imaxe de Walt Jabsco. "Defiant & jamaican & hard", mesturaba a distinción propia dos mods coa pose arrogante do rude boy. Poucas veces a asociación dun sonido cunha imaxe funcionou tan ben coma no caso de 2 Tone.
Á marxe dos préstamos decorativos, pouco souben durante aqueles anos composteláns de 2 Tone. Non abundaban na noite santiaguesa locais nos que pincharan este tipo de música....Por non dicir que non existían. As únicas alusións a ese son eran as que se filtraban a través da música de The Clash ou Kortatu nos ambentes máis punkies, pero tanto os ritmos xamaicáns como o soul nas súas manifestacións orixinais eran "rarísima" avis daquela. Seguramente houbo excepcións, pero eu non as coñecín.
De Clangor gardo recordos dalgúns concertos, especialmente dun de Jonathan Richman. Xa non se trataba da época heroica da sala, mediados os oitenta, cando grupos como Nacha Pop tocaban gratis varios días consecutivos. Eu só coñecín seus últimos anos, pouco antes do atentado que provocou o seu peche.
Ao redor destas circunstancias xira a película "Clangor, o filme", un proxecto de Ledesma Produccións. Neste blog pódese atopar máis información.
No hay comentarios :
Publicar un comentario